CRTVG

Buscar

Asolágase unha tenda en Carballo unha semana despois da reapertura

Publicado o 19/05/2020 13:58

Loli ten que conter as bágoas e o alento para acompañarnos ao soto da súa tenda de manualidades, onde apenas foi quen de entrar desde que descubriu a desfeita onte pola mañá.

A rotura dunha tubaxe da rede de abastecemento, que esta mañá arranxaban na rúa os operarios, parece ser a causa máis probable do asolagamento. A auga entrou con tal forza no local que mesmo derrubou parte dunha parede. Os estragos son cuantiosos, pero aínda non puido avalialos, á espera dos peritos e de reunir forzas.

E é que Loli é unha muller loitadora e optimista. Está decidida a poñer a andar de novo o negocio que fundou hai 14 anos xa a pesar das dificultades. E agradece as mostras de apoio que está a recibir por parte de clientes, alumnas dos cursos que imparte, amigos, pero especialmente o xesto da propietaria do local.

Proba do seu espírito positivo son as mensaxes de benvida que Loli escribe nun encerado na entrada da tenda. Premonitorio parece ser agora a que deixou o sábado, antes de que isto pasara. Pero tamén é unha declaración de intencións de como vai afrontar este revés.

Noticias web

19/05/2020