CRTVG

Buscar

Asolagamentos e caídas de muros en Gondomar pola intensa choiva

Publicado o 18/02/2021 13:31

A contorna do vello matadoiro e o seu paseo quedaron asolagados, deixando algunha ponte impracticable á primeira hora da mañá, tamén os arredores das instalacións da Policía Local e as novas pistas de skate e o vello colexio, agora centro de desenvolvemento local.

O rebordamento do Miñor e da súa confluencia co Zamáns tamén chegou a algúns garaxes e rochos e ameazou a zona do mercado municipal de Gondomar. Son estampas habituais dos días de moita choiva como estas últimas vinte e catro horas, aínda que algúns veciños consideran que se poderían evitar respectando as zonas inundables como se facía antes.

Tamén espectacular é a imaxe que deixou o muro caído no Pazo do Conde preto dunha urbanización de chalés, a caída do muro levou por diante un par de postes da luz, algún aínda quedaba no lugar a media mañá malia os esforzos da Policía Local e do GES do Val Miñor.

Noticias web

18/02/2021