CRTVG

Buscar

Asociacións de consumidores alertan dunha suba "abusiva" na factura do teléfono e de Internet

Publicado o 09/06/2021 14:54

O verán traerá consigo a suba das tarifas en polo menos 3 das grandes operadoras de telefonía do país. As empresas xustifican o incremento da factura, entre 2 e 3 euros, polos investimentos que fixeron durante o confinamento e polo desenvolvemento da tecnoloxía 5G. "Para o cliente particular non vai traer demasiados cambios, pero si o desenvolvemento de moitísimas aplicacións no mundo dixital.", explica Julio Sánchez Agrelo, o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia.

Clientes e asociacións de consumidores din que se trata dun cambio na tarifa inxustificado, con prestacións que en moitos casos superan as necesidades do cliente. E considérano abusivo. "Se polo feito de que che impoñan o 5G che suban a tarifa, é abusivo", di un usuario.  Víctor Muñoz, o presidente de Facua Galicia explica que se trata de melloras que "empregarán unha mínima parte da poboación, pero non che están ofrecendo o servizo, estancho impoñendo".

Por iso, din, as empresas deben informar o cliente deste cambio cando menos cun mes de antelación, e ofrecer a posibilidade de cambiar a unha tarifa máis económica ou mesmo marchar a outra compañía sen penalización, aínda tendo un contrato de permanencia.

Noticias web

09/06/2021