CRTVG

Buscar

Asistencia masiva na segunda fase da vacinación contra a covid en Santiago de Compostela

Publicado o 01/05/2021 15:08

A cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, rexistraba dende primeiras horas da mañá un goteo continúo de persoas para cumprir co proceso de vacinación contra a covid.

No monte Gaias estaban citadas para hoxe catro mil persoas, da franxa de idade de entre 70 e 79 anos. Tratábase da segunda dose da vacina,que para estes casos recorre a fórmula de Pfizer.

"É unha cousa como un pouco máis de relax" ou "mesmo que da casa saía o menos posible, cando tiña que saír namáis, e agora fago igual", eran algúns dos comentarios dos asistentes antes de entrar a recibir a vacina.

O proceso é similar ao da primeir fase: entrevista persoal para detectar posibles alerxias ou efectos secundarios, e vacinación. Todo en menos de dous minutos por persoa. Dúbidas hainas, pero xa poucas.

"A xente pregunta pero iso sempre vai pasar, comenta María Catalán, enfermeira. Si que é certo que a xente xa vén máis tranquila porque ao levar a primeira e que non lle pasou nada, que é o máis normal, como moito unha dor de brazo ou cansazo xeral, pois veñen tranquilos".

Trala vacinación tocan quince minutos de espera a posibles reaccións adversas e o proceso xa está concluido.

"Estamos tanquilos pero usando a máscara e desviándonos, e todo como mandan as normas", comenta outra persoa; "A primeira vez non me doeu nada, e esta segunda, a ver", dubida outra.

"A partir da segunda dose -insiste María Catalán- tardas oito días en facerte inmune. O que lle digo a todos, porque todos veñen con gañas de quitar a máscara, é que non a poden quitar. Ti estás protexido pero os do teu carón, non. É un pouco insistir en que non por estar protexido isto xa pasou".

En Compostela están chamadas a vacinarse hoxe cinco mil persoas, 6500 en toda a area sanitaria de Santiago que abrangue ata a Barbanza.