CRTVG

Buscar

Así será o consentimento para recibir a segunda dose de AstraZeneca

Publicado o 21/05/2021 17:52
Así será o consentimento para recibir a segunda dose de AstraZeneca

O grupo de poboación menor de 60 anos que recibiu unha primeira dose de AstraZeneca e queira repetir con esta fórmula terá que asinar un consentimento informado. Neste documento, deberá amosar o seu rexeitamento a recibir unha vacina distinta e pedir de xeito expreso completar a pauta coa mesma marca, manifestando coñecer os riscos.

Tras recibir un informe favorable do Comité de Bioética de España, o Ministerio de Sanidade incorporou unha nota á sétima actualización da estratexia de vacinación con esta posibilidade e un anexo cunha proposta do formulario.

No texto, lémbrase a notificación nas últimas semanas dalgúns casos de tromboses de grandes vasos, a nivel cerebral e abdominal (síndrome de trombose con trombocitopenia) que, "aínda sendo moi infrecuentes, tamén se consideran graves" e "parecen incrementarse a medida que diminúe a idade".

Por esta razón, o pasado 8 de abril España desaconsellou Vaxzevria (nome comercial de AstraZeneca) para menores de 60 anos, o que deixou no limbo as segundas doses dos case dous millóns de persoas que recibiron desde febreiro unha primeira inxección deste preparado, a maioría persoal esencial.

Despois de ampliar para este grupo o intervalo entre doses de 12 a 16 semanas, mentres se recompilaba máis evidencia científica sobre a eficacia e seguridade de administrarlle unha pauta heteróloga (é dicir, con outra vacina), a Comisión de Saúde Pública decidiu o pasado martes inocularlles unha segunda inxección de Pfizer.

Proposta de formulario

Agora, teñen a posibilidade de negarse a esta opción e inxectárense de novo unha dose de AstraZeneca. Neste caso, deberán asinar un consentimento informado baseado nesta formulación:

"Como vostede expresou o seu rexeitamento para vacinarse con Comirnaty, de Pfizer/BioNTech, na segunda dose, e para evitar os riscos que para a súa saúde e a saúde da colectividade tería non completar as dúas doses de vacina que están  pautadas, e conforme ao que dispón o artigo 2 da Lei 41/2002, cuxo apartado 4 establece que a negativa ao tratamento polo paciente ou usuario constará por escrito", o paciente deberá expresar por escrito esta negativa.

Ademais dese rexeitamento para recibir un fármaco distinto ao de AstraZeneca, o paciente deberá expresar a súa "petición de ser vacinado cunha segunda dose de Vaxzevria", manifestando, ademais, "ser coñecedor do infrecuente risco de desenvolver unha síndrome de trombose con  trombocitopenia".

Noticias web

21/05/2021