CRTVG

Buscar

Así é a vacina de Janssen, a única monodose autorizada ata agora

Publicado o 13/04/2021 15:25

É a cuarta vacina autorizada na Unión Europea e, igual que a de AstraZeneca, usa un adenovirus modificado para enganar o organismo e que produza anticorpos para defenderse. Pero a vantaxe desta fórmula de Janssen é que se administra nunha soa dose.

"Que cunha soa dose sexa capaz de facer unha inmunización acelera moito o proceso de vacinación", afirma Cristina Fernández, xefa de Medicina Preventiva da área sanitaria Santiago-A Barbanza. "Podemos chegar en menos tempo a moitísimas máis persoas", engade.

Unha dose de Janssen inmunizaría o 66,9 por cento dos vacinados, unha eficacia que supera o 85 por cento se falamos de evitar infeccións graves. E tamén funciona contra as variantes británica, brasileira e surafricana do virus.

"Nos tres casos tería unha eficacia superior ao oitenta por cento fronte á hóspitalización, fronte ás formas máis graves", asegura Fernando Moraga, vicepresidente da Asociación Española de Vacinoloxía. 

En canto aos efectos secundarios graves, nos Estados Unidos recomendan parar a vacinación coa fórmula mentras estudan seis casos de trombose en case sete millóns de vacinados.

"Están estudando se teñen unha relación de causalidade coa vacina, ou se simplemente é unha relación de temporalidade coa vacina", explica Moraga.

A vacina de Janssen está indicada para toda a poboación maior de 18 anos. En España está previsto que comece por administrarse ás persoas de entre 70 e 79 anos.

Noticias web

13/04/2021