CRTVG

Buscar

Ascenden a 960 os casos activos na área da Coruña, onde se multiplican os tests

Publicado o 19/08/2020 14:55

O número de contaxios na área sanitaria da Coruña reduciuse de xeito considerable nos últimos días, ata situar a taxa de incidencia en 44 afectados por cada 100.000 habitantes.

Segundo datos do Sergas, os casos activos soben dos 921 aos 960, nas últimas 24 horas, 39 máis ca onte. Con todo, é o menor incremento dos últimos días. Na UCI do CHUAC segue habendo 4 pacientes covid e os hospitalizados en planta son 40, sete menos ca onte. A estes hai que sumarlles outros dous hopitalizados tamén en planta, un no Quirón e outro no Modelo.

Na cidade heculina os barrios máis afectados son Os Mallos, A Sagrada Familia, O Agra do Orzán e o Ventorrillo. E en Oleiros, Perillo, Santa Cruz, Santa Cristina e Mera.

Mentres, esta mañá procedeuse ao cribado dos colectivos especialmente sensibles no espazo habilitado no PAC de Arteixo. Aquí realizáronse 200 probas PCR. Paralelamente, na contorna do Centro de Saúde do Ventorrillo comezou o cribado da poboación comprendida entre os 18 e 40 anos do concello da Coruña.

"A ritmo de mil persoas diarias, vanse cribar 60.000 persoas entre 18 e 40 anos que son os da área para ver se atopamos algún positivo nesta franxa de idade porque pensan que con eles non vai a cousa.  É importante chegar a eles porque estase vendo que están saíndo moitos positivos que non tiveron síntoma de ningún tipo", explica Marta Mosquera, supervisora de Medicina Preventiva do CHUAC.

Os casos do gromo da residencia de maiores Orpea, no concello de Culleredo, volveron aumentar nas últimas horas. Agora xa son 15 os positivos: 11 usuarios e 4 profesionais, dous máis ca onte, todos eles asintomáticos, segundo confirman desde a propia residencia.

Noticias web

19/08/2020