CRTVG

Buscar

Ascenden a 59 os positivos en usuarios na residencia de Ribadumia

Publicado o 02/11/2020 20:46

Hoxe hai 728 casos activos, entre usuarios e traballadores. A residencia con máis contaxiados é a de Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, onde hai 127 positivos, 81 deles usuarios. Séguena en incidencia a residencia de Salvaterra de Miño, con 113 casos activos, e a residencia de Ribadumia, onde hai entre usuarios e profesionais 78 persoas contaxiadas. Agora mesmo hai gromos en 27 xeriátricos de Galicia.

Preocupación na residencia DomusVi de Ribadumia ante os datos de novos contaxios que deixa a fin de semana.

Á última hora do domingo eran 34 os usuarios infectados, que se sumaban aos 24 xa existentes, e oito os traballadores contaxiados. Este luns a cifra medraba, cun maior e 12 traballadores máis contaxiados. En total, o foco desta residencia, unha das que rexistra maior incidencia da covid−19 en Galicia, deixa un balance de 79 persoas infectadas: 59 usuarios e 20 traballadores. "Os traballadores están moi abafados. Sei dalgún que entra ás 7 da mañá e non chega ata as 11 á casa", di un  veciño.

A maioría dos positivos non presenta síntomas, se ben varios foron trasladados a centros hospitalarios por precaución. Esta mañá realizaban tarefas de desinfección no exterior. Entre os veciños da localidade medra a preocupación por este foco.

"Iso é terrible, apareceu aí sen pensar. É terrible. Ademais hoxe hai catro, mañá seis, pasado dez". "Preocupante claro que é. Eu non entendo por que ten que entrar o coronavirus neste caso porque  teoricamente tería que estar hermeticamente para a enfermidade. Pero vese que non é só aquí". "Preocupado si, porque todos temos  xente maior na casa, nenos pequenos, bastante  perocupado", aseguran veciños de Ribadumia.

Nas outras residencias da comarca, a situación está máis estabilizada, con oito usuarios e cinco traballadores afectados no asilo de Cambados e tan só un traballador positivo na residencia Divina Pastora de Vilagarcía.

Noticias web

02/11/2020