CRTVG

Buscar

Ascenden a 27 os falecidos polas riadas no norte de Turquía, que deixan ducias de desaparecidos

Publicado o 13/08/2021 11:33
Ascenden a 27 os falecidos polas riadas no norte de Turquía, que deixan ducias de desaparecidos
EFE

Polo menos 27 persoas morreron nas riadas e inundacións que afectan desde o mércores tres provincias na costa norte de Turquía, segundo informaron este venres as autoridades turcas. Nun comunicado, o servizo de emerxencias turco, AFAD, informou de que "25 cidadáns de Kastamonu e 2 cidadáns en Sinop morreron por mor das inundacións".

Por outra banda, a emisora NTV afirmou que unhas cen persoas están desaparecidas nas rexións asolagadas. A choiva torrencial destruíu vivendas, estradas e varias pontes importantes en Kastamonu e Bartin, deixando illadas centenares de persoas en varias localidades.

Unha trintena de localidades quedaron sen conexión eléctrica. As cadeas de televisión mostran edificios de ata oito pisos que se derruban ao socavar a auga os seus cimentos e os servizos de rescate trasladando evacuados en lanchas.

Máis de 1.700 persoas foron evacuadas por terra e con helicópteros e foron aloxadas temporalmente en residencias estudantís da zona. Os servizos de emerxencia turcos mobilizaron un equipo de 1.000 traballadores de procura e rescate, con maquinaria de construción, ambulancias e cans. 

 

Noticias web

13/08/2021