CRTVG

Buscar

Ascenden a seis os positivos na residencia DomusVi de Lalín

Publicado o 31/08/2020 21:14

• Hai xa 582 casos activos na área sanitaria de Santiago-A Barbanza

Un goteo constante de persoas chegan ao autocovid de Santiago para faceren a proba do coronavirus. A taxa de novos contaxios na área sanitaria xa é a maior de Galicia despois de Lugo. Sumou 55 novos positivos nas últimas 24 horas. A maioría dos 582 casos activos recupéranse na casa. Só hai 7 persoas hospitalizadas, unha en coidados intensivos.

Os dous gromos con máis casos na área sanitaira, o de Melide e o de Santa Comba, permanecen estables. Tamén seguen activos con 16 casos cada un os da Pobra do Caramiñal, Negreira e A Baña.

"Son tres gromos distintos en tres parroquias distintas, non teñen nada que ver uns cos outros e esta todo medianamente controlado" explica o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil.

No gromo de Negreira hai tres menores afectados, o cal obrigou a pechar a piscina, instalacións deportivas e parques.

 "Estamos pendentes de tomar outras decisións, como suspender as actividades que se poidan programar de cara á apertura do curso escolar,  se a cousa vai a máis", di o alcalde, Manuel Ángel Leis.

O positivo dunha traballadora do Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago, obrigou a poñer en corentena varios compañeiros do departamento de persoal. O alcalde explicou que dous policias locais tamén están de baixa por covid-19, pero contaxiáronse nas vacacións e xa non chegaron a reincorporarse ao traballo.

Na residencia DomusVI de Lalín, os casos ascenden a seis. Hai tres empregados e tres usuarios contaxiados, segundo confirman desde o centro. Un dos residentes foi derivado ao hospital e os outros dous permanecen illados nos seus cuartos, como o resto de usuarios, e están asintomáticos.

Noticias web

31/08/2020