CRTVG

Buscar

Asaltan un bar en Guitiriz e unha nave en Castro de Rei

Publicado o 20/11/2019 13:55

Os roubos continúan sendo unha constante na provincia de Lugo. Desta volta, os ladróns asaltaron un bar en Guitiriz, tras forzar unha ventá, e unha empresa de patacas de Castro de Rei, arremetendo contra as súas portas. Ambos asaltos producíronse na mesma noite e crese que poden ser obra dos mesmos ladróns.

Foi pasadas as tres da mañá cando os ladróns asaltaron este bar do concello lugués de Guitiriz. Accederon ao interior despois de forzar unha persiana e romper unha das fiestras. Unha vez dentro do local os ladróns foron directos a coller a recadación da máquina comecartos e tamén levaron a caixa rexistradora. No seu interior apenas había diñeiro pero si décimos de lotaría. O roubo foi moi rápido e cando os ladróns fuxiron do lugar un veciño da zona veunos marchar en dous vehículos, un de cor negra e outro vermello.

Na mesma noite e pouco despois rexistrábase outro asalto neste polígono industrial de Castro de Rei. Os ladróns esnafraron un vehículo contra un dos portais desta empresa destinada á elaboración de patacas fritas e accederon ao seu interior. Foron ata as oficinas da nave e remexérono todo e conseguiron un botín duns mil euros en metálico. Foron máis cuantiosas as perdas materiais que deixaron e que se estiman nun 2.500 euros.

Este polígono industrial conta con cámaras de seguridade que gravaron á perfección como se produciu o roubo que durou apenas catro minutos. Nas imaxes vese un coche vermello que coincide coa descrición dun dos vehículos vistos no roubo de Guiritiz polo que se cre que ambos os dous roubos foron realizados pola mesma banda.

Agora a Garda Civil xa está a investigar os feitos.

Noticias web

20/11/2019