Asaltan un bar de Silleda e levan a recadación da máquina comecartos
Asaltan un bar de Silleda para apoderarse da recadación da máquina comecartos. O ladrón ou os ladróns forzaron a reixa de madrugada para poder entrar no local.
Un ou varios descoñecidos asaltaron este bar da localidade pontevedresa de Silleda, a noite do domingo ao luns.
Ninguén entre a veciñanza escoitou o ruído que deberon facer para forzar a persiana metálica exterior.
Os ladróns tamén romperon un cristal da porta para acceder ao local, onde desvalixaron a máquina comecartos.
Polo momento non se sabe a cantidade da que se apoderaron e tampouco hai unha peritación dos danos que causaron.
A dona do negocio supón que o roubo foi entre as tres e as catro da mañá e que os asaltantes empregaron algún tipo de inhibidor xa que a gravación da cámara estaba interrompida a esas horas.
O bar leva dez anos en funcionamento e esta é a primeira vez que lle entran a roubar.