CRTVG

Buscar

Asaltan sete negocios en Sarria sen que soen as alarmas

Publicado o 24/09/2019 14:11

Sarria sufriu unha nova vaga de roubos. En cuestión de horas, foron asaltados ata sete negocios da vila. Un dos máis afectados foi esta nave de maquinaria agrícola do polígono de Morelle. Aquí abriron un burato na parede, fixéronse cos 650 euros que había na caixa e levaron ferramentas valoradas noutros 1.500 euros, entre as que figuraban soldadoras, pistolas eléctricas de impacto e xogos de chaves de gran tamaño.

Víctor Armesto, copropietario da nave de maquinaria: "Fai un burato aquí, polo que accede, e o primeiro ao que vai a tiro fixo é a pola caixa. O home, para min, ten estado aquí dentro. Unha vez que recolle o da caixa, bota todo nunha bolsa e despois busca un pouco por debaixo do mostrador se hai algo que lle poida servir. Mira nesta estantería e lévanos pistolas de impacto, esmerís ou unhas soldaroras que hai pequenas que se están vendendo moi ben".

Crese que foi o mesmo individuo o que entrou a roubar, con menor éxito, en varios concesionarios que se encontran na saída a Monforte. Tamén lle atribúen o asalto a varios negocios do paseo fluvial de Sarria, entre os que figuran unha xeadería e un pub onde conseguiu facerse coa caixa. En ningún dos locais soou a alarma, o que fai sospeitar que portaba un inhibidor.

Víctor Armesto, copropietario da nave de maquinaria: "Non soou a alarma. É dicir, soa un salto de alarma do sensor da oficina desde que vén dela, pasa dous sensores máis e marcha de aquí. Unha cousa moi rara, que non salte a alarma. Actúa el só, porque cando se ve chegar e todo o tempo que está dentro está só, cunha luz na cabeza para cegar a cámara e que non se lle vexa a cara".

A Garda Civil investiga agora a autoría dos asaltos.

Noticias web

24/09/2019