Asaltan por segunda vez en doce días a gasolineira de Coirós para non levar nada
Desta volta eran cinco, tamén encapuchados e provistos de luvas que racharon a golpes de maza unha cristaleira da da gasolineira de Coirós pasada a unha da mañá deste luns. O obxectivo que levaban, supostamente, era rebentar a caixa forte. Como da outra vez, doce días antes, dirixiron o seu esforzo contra unha caixa que, evidentemente, non era a dos cartos.
O encargado lembra que no asalto anterior eran tres que usaron un pico e actuaron máis ou menos igual que onte.
Víctor García, encargado da estación de servizo: "Romper a cristaleira e entrar para ver se había maneira de chegar á caixa. E como salta a alarma, despois de minuto e medio, marchar".
Chama a atención que deben ter descoñecemento de como funciona unha gasolineira, porque van directos á caixa que custodia o gravador da videovixilancia que, claramente, non é unha caixa forte. Golpéano e como tampouco o poden abrir desisten e marchan. Entón ocasionan danos materiais e o que amolan estas accións.
O encargado da gasolineira sospeita que os autores de ambos os dous asaltos descoñecen a rutina de seguridade á que están obrigados neste tipo de negocios no relativo á disposición e custodia do diñeiro: "Hai un protocolo moi estrito en canto ao manexo de efectivo, á parte de facer sangrías de caixa, nunca hai máis de 20-300 euros á vista; o cambio necesario para traballar e ademais unha empresa xestiona a recollida de efectivo. De tal maneira que non temos acceso á caixa desde a propia estación sen contar con eles. É dicir, que aínda que eu quixera levar o diñeiro, non é posible".
Víctor García agarda que tras as dúas experiencias infrutuosas, os asaltantes desistan definitivamente e deixen de estragarlles a cristaleira e coa súa irrupción o espazo e medios de traballo.