CRTVG

Buscar

Asaltan dúas vivendas nun edificio de Ourense e un bar en Barbadás

Publicado o 01/07/2019 13:03

As forzas de seguridade buscan os autores de varios roubos en Ourense. Na cidade, os ladróns desvalixaron dúas vivendas dun céntrico edificio, a plena luz do día. E no concello veciño de Barbadás levaron a máquina comecartos e a rexistradora, enteiras, para facérense co seu contido.

O dono deste bar de Piñor, no concello ourensán de Barbadás, soubo que lle entraran a roubar cando chegou pola mañá e viu a cancela aberta e unha das portas de acceso arrincada. Aquí, os ladróns non andaron con cautelas. Colleron a máquina comecartos e a rexistradora, e marcharon con elas.

"Levaron a máquina rexistradora, a máquina comecartos enteira, tamén. Despois apareceu por aí tirada. E unha caixa de whisky, segundo me dixeron", conta un veciño.

Calcúlase que levaron ao redor de 700 euros. Aínda que o bar está situado no medio da localidade, e á beira da estrada principal, ninguén escoitou nada.

Tamén foron sixilosos os ladróns que desvalixaron dúas vivendas deste inmoble, situado na céntrica praza ourensá de San Antonio. Os propietarios dun dos pisos afectados denunciaron que os ladróns actuaron entre as dez da mañá e as doce da noite do sábado, e que reventaron a pechadura da súa porta e máis a da casa de ao lado. A eles leváronlles xoias e oitocentos euros en efectivo. Os veciños confirman que non é a primeira vez que reciben a visita dos ladróns: "Dentro das propiedades, dentros dos garaxes... A min roubáronme o gasóleo do coche no garaxe. Teñen ocorrido varias cousas. Moitas veces a destrozar a outras a levar o que poden". "Eu teño medo. Vaste de vacacións e cando volvas tes todo destrozado".

Garda Civil e Policía Nacional investigan ambos os dous sucesos, polo momento sen que trascendesen pistas sobre os autores.

Noticias web

01/07/2019