CRTVG

Buscar

Asaltan de madrugada tres bares en Lugo

Publicado o 04/12/2019 14:54

Forzaron as portas de entrada e foron directos polas máquinas onde sabían que podía haber cartos en metálico. Así actuaron os ladróns que asaltaron de madrugada tres locais de hostalería da Acea de Olga, en Lugo. Comecartos, caixas rexistradoras, expendedoras de tabaco e máquinas de apostas tamén foron forzadas para roubar o diñeiro da recadación. En total, o botín ascendeu a preto de 7.000 euros. Ademais, neste establecemento levaron dous xamóns de pata negra valorados noutros mil euros. "Levaron cartos só, porque de material non colleron nada. Forzaron as máquinas e foron directos polos cartos."

A Policía Nacional está a investigar o acontecido e todo indica que se trata dunha banda especializada neste tipo de roubos. A velocidade coa que accederon aos establecementos e baleiraron as máquinas, así como o feito de que fuxiran antes de que chegara a policía logo se soar as alarmas, apunta nesa dirección. Incluso se pensa que poden ser os mesmos ladróns que roubaron en dous bares de Monforte hai un mes aplicando o mesmo procedemento. Os donos dos locais cren que os tiñan vixiados pero non viron ninguén sospeitoso. "A verdade é que non vin ninguén sospeitoso. Levamos pouco tempo abertos e tampouco sabes moi ben quen pasa por aquí porque hai clientes novos cada día."

A desfeita puido ser maior se os autores do roubo optasen por coller tamén as bebidas de máis valor ou mesmo as cestas de Nadal.

Noticias web

04/12/2019