CRTVG

Buscar

Asaltan de madrugada dúas igrexas en Castro de Rei

Publicado o 09/12/2019 14:48

Romperon o cristal da porta da sancristía para forzala e acceder ao interior. Así actuaron os ladróns que asaltaron de madrugada esta igrexa da Ponte de Outeiro, en Castro de Rei. Os autores do roubo profanaron o sagrario e colleron as obleas consagradas. Tamén roubaron uns douscentos rosarios que se lle entregan ás persoas doentes, así como os que adornaban as figuras dos santos e virxes.

Ademais, levaron bolsas con doces que se gardaban na parte traseira do templo e oito acendedores que se usaban para prender as candeas. Curiosamente non levaron a cadea de ouro que colga dunha das imaxes e que era o obxecto de máis valor. Os fregueses están indignados co acontecido e lembran que este é o terceiro roubo que sofre a igrexa.

"Chegamos e xa vimos todo remexido. Levaron as obleas consagradas, os chisqueiros e doces que había atrás. Ás veces veñen coches á noite, pero ninguén sabe quen son".

Nestoutra igrexa, en Goberno, romperon a ventá da fachada para acceder ao interior do templo, para o que precisaron dunha escaleira. Neste caso levaron un micrófono, o seu cable e as poucas moedas que había nos petos, que quedaron moi danados. Todo indica que os autores do roubo foron os mesmos en ambos os dous casos. O feito de que as igrexas estean bastante afastadas das vivendas facilitou os roubos.

Para mañá está previsto celebrar unha misa na Ponte de Outeiro como desagravio e reparación polos danos causados na profanación das dúas igrexas.

Noticias web

09/12/2019