Asaltan con violencia por segunda vez unha empresa do polígono do Ceao, en Lugo
Coa cara tapada e equipados cunha maza asaltaron de madrugada este restaurante do polígono do Ceao, en Lugo. Eran polo menos cinco, así quedou rexistrado nas cámaras de seguridade do establecemento. A alerta dábaa o encargado que no momento do asalto estaba no interior do negocio. Actuaron rápido e con violencia. Romperon a cristaleira do local e foron directos á caixa rexistradora.
Así o explicaba Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo: "Neste caso deu aviso o encargado que estaba no interior. El viu como rompían a cristaleira, eles posiblemente detectaron a súa presenza e colleron o que puideron e marcharon do lugar".
As cámaras de seguridade tamén rexistraban como os ladróns fuxían nun Seat León cara á autovía. É o segundo asalto con violencia que se rexistra neste polígono nun período de 15 días. O anterior foi nesta nave de venda en liña de teléfonos móbiles. A policía descarta que a mesma banda estea detrás dos dous roubos.
"Non se descarta ningunha liña de investigación, evidentemente, pero en principio non parece probable que sexan os mesmos que entraron na tenda de telefonía, o xeito de actuar é diferente. Pode ser unha banda autóctona que está actuando en toda a comunidade, é unha das hipóteses que se baralla", manifestou o voceiro da Policía Nacional.
Os asaltos preocupan aos empresarios do polígono. O parque conta con ata 30 cámaras de vixilancia, distribuídas nos doce quilómetros de vías que percorren, pero están fóra de servizo por orde da Comisión de garantías de videovixilancia. Unha medida que non comparten os empresarios.