CRTVG

Buscar

Asaltan a casa dunha octoxenaria en Chantada e róubanlle 3.000 euros

Publicado o 09/04/2021 13:56

Visitación Lamas, de 82 anos, levou o maior susto da súa vida. Asaltáronlle a casa de madrugada, na parroquia chantadina de Bermún, con ela dentro. Para entraren na vivenda escacharon o cristal dunha xanela, e mentres a muller estaba escoitando tranquilamente o programa Pensando en ti, da Radio Galega, tapáronlle a cabeza cunha manta. Ao preguntárenlle onde gardaba os cartos ou obxectos de valor, limitouse a sinalar o moble onde tiña 3.000 euros en metálico, que foi o botín co que se fixeron os ladróns.

Visitación Lamas, asaltáronlle a casa: "Un dicíame alto e andaba cacheando e o outro tapábame a cabeza. Preguntábanme onde estaban as xoias e o diñeiro. Despois atáronme as mans, que aínda teñen hematomas. Andaron pola casa adiante, e o que atoparon foron 3.000 euros, e marcharon".

Antes de marcharen, os asaltantes deixáronlle as mans amarradas cun cargador de móbil, polo que tardou varias horas en poder liberarse e avisar un veciño. De feito, levárona nunha ambulancia ao centro de saúde de Chantada para que lle mirasen as feridas que lle fixeron nos pulsos.

Visitación Lamas, asaltáronlle a casa: "Eu cando me vin desatada e liberada sóubenme salvada. Daquela levanteime e chamei polo veciño. Serían aí polas cinco da mañá e o asalto fora sobre as dúas ou as tres da mañá".

A Brigada Xudicial da Garda Civil, que xa tomou pegadas no lugar, investiga agora a autoría do asalto.

Noticias web

09/04/2021