As zonas da montaña de Lugo son as máis afectadas polo xeo o frío e a neve
Malia que este sábado na provincia de Lugo non houbo moitas precipitacións en forma de neve, o frío, e canda el o xeo, si que se notaron xa dende pola mañá.
Pola tarde, e nas zonas de montaña, o vento alcanzou refachos de 80 quilómetros por hora.
Así amanecía a aldea do Cebreiro, despois de que de madrugada se rexistraran temperaturas de menos oito graos, que axudan a conservar os carambelos de xeo de ata dous metros que pingan dalgúns lousados.
Outras das zonas da provincia con máis neve foi o alto da Gañidoira, no concello de Muras, a 720 metros de altitude, onde o vento do norte deixou unha grande sensación de friaxe.
Ata aquí desprazáronse varias familias para desfrutar da montaña nevada. A cota estivo entre os douscentos e os trescentos metros.
Na A-8, ao seu paso polo alto do Fiouco, en Mondoñedo, prohibiuse a circulación de camións, para evitar accidentes, nun día no que a neve e o xeo dificultaron a circulación por varias estradas luguesas de montaña.
Para minimizar os problemas na provincia, a Deputación preparou 64 máquinas quitaneves, 420 toneladas de sal e máis de cen operarios.