As verteduras incontroladas en Ames son as imaxes dun calendario
O calendario coa lenda "Non merecemos isto" amosa en trece imaxes, a da portada e unha por mes, residuos diversos que apareceron en distintos puntos do termo de Ames. É unha iniciativa do Goberno deste concello coruñés co obxectivo de acabar coas prácticas incívicas á hora de desprenderse do lixo e materiais en desuso. Son imaxes captadas no rural e tamén en áreas urbanas de Ames destinadas ademais á reflexión sobre o que custa limpar isto.
Victoria Arufe, técnica de medio ambiente no Concello de Ames: "Decidimos facer fotos de todos eses vertedoiros que recolle a brigada de garda medioambiental cando vai polas pistas forestais e por aí facendo a ruta e publicalas para que a xente vexa o que supón recoller todo iso por un problema de civismo".
Tamén o editaron no formato de mesa e indica en todos os meses os teléfonos nos que hai que concertar co servizo municipal a recollida de voluminos e tamén destaca o enderezo e horario do punto limpo, onde admiten a maior parte de materiais e clasifican para levar á reciclaxe. Pedimos opinión en Bertamiráns sobre esta iniciativa de concienciacion ambiental. Tamén no punto limpo cunha veciña do Milladoiro deixando madeira.
"E teño máis. E hei de volver cargar outra vez o coche e volver traelo", di Rosa, que engade: "Pero, por exemplo, eu agora mesmo tería que estar a traballar en vez de no punto limpo. E despois á tarde outras dúas viaxes máis. Que fago? Tíroo por aí?, non".
Outra veciña de Bertamiráns di: "Habería que mirar un pouco máis por todo iso e poñer un punto limpo máis próximo, non no Milladoiro, máis preto". Outra veciña afirma: "E despois que funcione ben o da recollida, porque chamas por teléfono e logo tardan en vir recollelo ou déixalo cando che mandan e tardan. Pero, a ver, mellorar melloramos bastante".
O concello de Ames distribuíu o calendario desde os colexios e, os de mesa, a través das tendas para que cheguen ao maior número de fogares.