CRTVG

Buscar

As vacinas contra a covid son seguras para alérxicos e asmáticos

Publicado o 11/04/2021 19:44

A doutora María Angeles Rico Díaz, presidenta da Asociación Galega de Alerxia e Inmunoloxía, é unha das especialistas que detectou un aumento das consultas coincidindo coa campaña de vacinación contra a covid. E aínda máis despois de que no mes de decembro saltara a alarma no Reino Unido. As autoridades do país recomendaban que non se lles administrase a vacina de Pfizer ás persoas un historial grave de alerxias.

"Os pacientes colleron medo e están preocupados por se eles poderían ter unha reacción ou non ao poñer as vacinas, só sería se son alérxicos a algun dos excipientes da vacina", indica a alergóloga María Angeles Rico Díaz.

Os especialistas aseguran que a penas hai casos de alerxias a este tipo de compoñentes cos que estamos en contacto a diario nos cosméticos ou nos medicamentos.

"Só habería algunha contraindicación, se o paciente fose alérxico ao polientilenglicol ao twin 80 ou polisorbato 80, tería que consultar previamente a administrar a vacina, pero son moi poucos os pacientes que previamente tiñan diagnosticada esa alerxia porque é moi pouco frecuente", asegura Ángeles Rico.

Os expertos insisten en que alérxicos e asmáticos deben vacinarse contra a covid, porque o virus é máis perigoso que os efectos secundarios que poidan ter. Si recomendan que unha vez recibida a inxección, antes de marchar, estes pacientes agarden entre 30 e 45 minutos, e non os 15 que se recomenda á poboación xeral, para comprobar que non se provoca ningunha reacción.










 

Noticias web

11/04/2021