CRTVG

Buscar

As urxencias viven un pico histórico de demanda cun 20 % de pacientes covid

Publicado o 05/08/2021 14:01

Mentres a hospitalización ordinaria e na UCI ten mellores cifras que en vagas anteriores, as Urxencias están a vivir un pico de demanda nesta quinta onda. Calcúlase que un 10 % por riba do anterior pico histórico.

Xosé Manuel Fandiño Orgeira, coordinador do Servizo de Urxencias do CHUAC e presidente da SEMES-Galicia, explica que antes case todos os días tiñan que intubar pacientes para que fosen para a UCI: "Agora o que estamos tendo é puntualmente algún, pero non a situación que tiñamos antes".

Aos servizos de urxencias chegan pacientes covid menos graves, máis novos, pero máis pacientes ca nunca.

"O que estamos percibindo é a demanda máis alta histórica, non só de covid, senón de patoloxía xeral", apunta Fandiño Orgeira, responsable da SEMES-Galicia. Porque despois de ano e medio de pandemia, as etapas en que a atención á covid freou a atención presencial tamén pasan factura noutras doenzas.

Os médicos de urxencias lembran que a variante delta é máis de 1.000 veces máis contaxiosa. Afecta os novos, pode ser moi grave en pacientes coas defensas baixas e fatal para os que rexeitaron a vacina.

"Xente que é negacionista que acabou ingresando ou, por desgraza, falecendo; e iso tamén nos debe facer pensar".

O persoal das urxencias segue en pé, con compromiso firme, pero lembra que tamén moi cansos despois de tanto esforzo sostido. Eles non o fan e piden que nós tampouco baixemos a garda.

Noticias web

05/08/2021