CRTVG

Buscar

As UCI do norte de Portugal comezan a aliviar e descenden os contaxios diarios

Publicado o 05/02/2021 15:06

Portugal comeza a sentir pouco a pouco un alivio na presión do coronavirus. Baixou considerablemente o número de contaxiados diarios e, sobre todo no norte, as UCI comezan a respirar.

O peche da hostalería e comercio parece que funcionou a pesar do pouco apoio do confinamento nas rúas e hoxe Portugal apunta 8.000 novos positivos por coronavirus cando o venres pasado eran 16.000. Os ingresados nos hospitais e os falecidos descenden tamén pero de xeito máis tímido. Mentres a presión nas UCI segue sendo de catástrofe aínda que en hospitais coma o de Viana do Castelo xa non están ao 100 por 100 como hai uns días.

O norte de Portugal érgueuse hoxe cun suspiro de alivio contido pola tremenda baixada de positivos en só unha semana. O mesmo alivio que sente Xosé Manuel a primeira hora ao comprobar o estado da UCI que dirixe. 

Tras equiparnos para entrar Xosé Manuel supervisa a unidade. Nunca vira nada igual como esta terceira vaga nos seus 20 anos de carreira. 

O esforzo que tivo que facer este hospital de Viana do Castelo pasou por reforzar como puideron os recursos humanos e abrir máis camas para atender a avalancha de doentes covid despois do Nadal.

O pesadelo non rematou, a situación segue a ser de catástrofe, pero o norte mellora paseniñamente e xa tende a man de axuda aos seus veciños de Lisboa, aínda afogados pola peor terceira onda do mundo, que ninguén imaxinou que sería a de Portugal.

Noticias web

05/02/2021