CRTVG

Buscar

As tres universidades galegas impartirán grao e máster en Intelixencia Artificial

Publicado o 04/05/2021 20:06


A Xunta e as tres universidades galegas asinaron hoxe o acordo para a primeira titulación interuniversitaria de Galicia. As universidades de Santiago, Vigo e Coruña van impartir o grao e o mestrado en Intelixencia Artificial no curso 2022-2023.

"O sistema universitario de Galicia é capaz de traballar conxuntamente para desenvolver as competencias profesionais de futuro. Creo que así o futuro do noso país está garantido", dixo Xulio Abalde, reitor da Universidade da Coruña.

"Este acordo supón poñer a Galicia no mapa da Intelixencia Artificial cunha oferta conxunta de grao e mestrado que nos vai permitir formar ao máximo nivel os mozos", segundo Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo.

"Ética, filosofía, coñecemento de como funcionan as persoas... son elementos que deben completar ese perfil técnico destas tirulacións", defendeu Antonio López, reitor da Universidade de Santiago.

Van ser 50 alumnos por universidade nos graos e de 20 nos mestrados. "Esta é unha rexión europea que está reorientada aos parámetros que inspiran as políticas dos países máis avanzados do mundo. Isto é un paso adiante sen precedentes nas universidades españolas", afirmou Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta.

Os estudos de Intelixencia Artificial cursaranse nas escolas superiores e facultades de Informática de Santiago, Ourense e A Coruña.