CRTVG

Buscar

As treboadas volven asolagar comercios, vivendas e estradas en Ourense

Publicado o 16/06/2021 21:28

Tarde moi complicada na cidade de Ourense por mor das treboadas e da intensa chuvia que asolagaron partes da cidade. Deixou de chover polas sete da tarde pero os veciños continuaban sacando auga das casas dúas horas despois.

A rúa Colón estivo anegada durante un par de horas e os veciños relatan que a auga lles chegaba ata os nocellos, uns 50 centímetros de auga que inundaron baixos e algunhas vivendas. Ocorría practicamente o mesmo o pasado domingo, cando as precipitacións volveron marcar a xornada.

Os bombeiros de Ourense recibiron ao longo da tarde unhas 80 chamadas e, chegada a noite, continuaban facendo intervencións en moitos puntos da cidade. A forte chuvia do domingo provocou o levantamento de tellados e cubertas, o que se traduciu na xornada de hoxe en filtracións de auga no interior de moitas vivendas e complicar aínda máis a situación.

Tamén se rexistraron importantes incidentes no tráfico ao longo da tarde por mor da chuvia, que chegou en moitos puntos a ser de 25 litros por metro cadrado. A previsión é que volvan caer precipitacións nas vindeiras horas.

Noticias web

16/06/2021