CRTVG

Buscar

As temperaturas baixan 10 graos en Galicia despois da intensa calor de onte

Publicado o 01/04/2021 14:44


Galicia amenceu este xoves así, con chuvias e con temperaturas suaves. Nada raro, se non fora porque hai menos de 24 horas a situación era ben distinta. Na Arnoia, por exemplo, chegaron onte aos 31 graos e en Boiro aos 30. Unha calor que moitos aproveitaron para gozar da praia e do sol.

E hoxe xa sabemos o que pasou. Que despois de tanta calor, as temperaturas baixaron ata 10 graos nalgunhas localidades. Tamén chegou a chuvia.

Mabel Montes, O Tempo TVG: "Aínda que descenderon as temperaturas seguimos tendo bastante calor en superficie. Así que, o contraste desa calor acumulada coa masa de aire máis fresco que chegou hoxe é o que propicia esta xornada de chubascos. Son chuvias de primavera. Pode descargar en forma de tormenta, escampar e mesmo podemos ver o sol"

As temperaturas máximas andan polos 20 graos, suaves aínda que a baixa é brusca.



Pero a chuvia non vai quedar moito tempo en Galicia.

Mabel Montes, O Tempo TVG: "O venres aínda pode estar algo revolto, con precipitacións máis probables no centro e no sur de Galicia e para a fin de semana volve o anticiclón e iso significa sol e nordés"

Así que desaparecerá a chuvia nos últimos días da Semana Santa.

Noticias web

01/04/2021