As tecnoloxías 5G van revolucionar o transporte e a mobilidade
O 5G promete transmitir datos a grandes velocidades, o que vai revolucionar, entre outras cousas, os medios de transporte. Neste sentido, Galicia está xogando un papel importante grazas ao Centro Tecnolóxico da Automoción que está no Porriño (CTAG), unha referencia a nivel europeo.
"Galicia é unha das protagonistas, está no pelotón de cabeza deste tipo de desenvolvementos. A Comisión Europea seleccionou unha serie de corredores 5G en Europa, pioneiros, onde probar a condución autónoma apoiada na tecnoloxía 5G e precisamente aquí temos o corredor Vigo-O Porto", asegura Francisco Sánchez, director División de Electrónica e ITS do CTAG.
Pero por que é unha revolución a tecnoloxía 5G? "Ten unhas capacidades como é o grande ancho de banda que permite transmitir entre dous dispositivos moitísimo volume de información en tempo real", explica.
Son redes que van a unha velocidade 10 veces máis rápidas que a 4G, e iso vai permitir que os coches sen condutor sexan unha realidade. Tamén facer melloras na seguridade víal, detectar erros humanos e corrixilos para evitar accidentes. Do mesmo xeito, fará posible que os semáforos detecten a chegada dos coches e xestionen o tráfico, mellorar a conectividade, a loxística e facer, en xeral, cidades máis sostibles, máis seguras e máis humanas.