CRTVG

Buscar

As tarefas de rescate en Haití, ameazadas pola chegada da tormenta tropical Grace

Publicado o 16/08/2021 09:00

Os mortos polo terremoto de Haití xa son 1.300. O país revive o pesadelo de 2010 cun tremor de terra de 7,2 graos na escala de Richter, rexistrado na zona sureste. Os servizos de emerxencias seguen buscando superviventes, baixo unha nova ameaza: a tormenta tropical Grace

Haití engade unha nova catástrofe a unha situación política e humanitaria que xa era crítica. O balance de vítimas mortais vai en aumento, xa son 1.300 os falecidos e hai centos de desaparecidos. Na cidade de Jeremie, eran moitos os que se amoreaban para contemplar o impacto do tremor de 7,2 graos na escala de Richter. Esta urbe e Los Cayos están entre ás áreas máis afectadas.

Pero aínda máis problemática é a situación nas zonas rurais e semiurbanas, xa que a área máis danada polo sismo está parcialmente controlada por bandas criminais. O tremor produciuse a só 160 quilómetros da capital, Porto Príncipe, e tamén se sentiu na República Dominicana, Cuba e Xamaica.

O novo primeiro ministro, Ariel Henry, prolongou por un mes o estado de emerxencia. Tamén un mes é o que leva no cargo, desde que fora asasinado o presidente do país por unha banda de mercenarios. A inestabilidade política, a pobreza extrema e unha alta vulnerabilidade aos fenómenos meteorolóxicos, golpean o país.

As réplicas deste terremoto sucédense, e a inmintente chegada da tormenta tropical Grace, pode complicar a busca de superviventes entre os cascallos. O Ministerio de Exteriores non ten constancia polo momento, de españois afectados polo terremoto.

O director de Protección Civil, Jerry Chandler, sinalaba que varios hospitais xa estaban previamente desbordados pola covid. Ante este panorama global, varias ONGs están mobilizando efectivos e axuda, e a Cruz Vermella xa activou un corredor humanitario desde a República Dominicana.
 

Noticias web

16/08/2021