As tarefas de reflotación do Sempre Güeto comezarán nas próximas horas
Durante a mañá realizáronse tarefas de inspección do casco, previas á reflotación do pesqueiro. O Sempre Güeto chegou ao porto exterior de Ferrol pasadas as oito do serán do sábado, logo dunha travesía longa e complicada.
O cerqueiro estaba máis afundido do que se pensara inicialmente, e Salvamento Marítimo tivo que enviar á zona do sinistro dúas embarcacións. O barco foi remolcado co apoio dunha lancha da Cruz Vermella.
Agora, os expertos da comisión de accidentes marítimos de Fomento tratarán de determinar que puido suceder para que o Sempre Güeto envorcara e quedara coa quilla ao sol dúas millas ao noroeste de Santo André de Teixido. Aínda que había algo de mar de fondo na zona, as circunstancias non eran especialmente adversas para a navegación dunha embarcación de 22 metros de eslora.
No naufraxio faleceron dous mariñeiros. Kiko Betanzos, de corenta e sete anos, foi enterrado onte no cemiterio parroquial de Santa María de Caamaño, no Porto do Son. O corpo de Abdelkabir Aniba será repatriado nas próximas horas a Marrocos, o seu país de orixe.
Os oito superviventes xa recibiron a alta no hospital Arquitecto Marcide de Ferrol.