As tapas de peixe triunfan un ano máis no Vigo Seafest
Esta tarde arrancou o Vigo Seafest, o festival de gastronomía que organizan os armadores da Cidade Olívica. A estrela son as tapas elaboradas por restaurantes a partir dunha das especies principais das frotas que comercializan o seu peixe no porto de Vigo. E como non podía ser doutro xeito, tamén hai música e actividades para todas as idades
Xa está en marcha o Vigo Seafest, a cita que organiza a Cooperativa de Armadores e que está considerada como o referente en España da gastronomía do mar. Esta é a segunda edición, e desta vez ocupa máis de 23.000 metros cadrados entre os xardíns de Elduayen e o Náutico de Vigo. Se o ano pasado pasaron por este paseo das Avenidas milleiros de personas, desta vez a oferta amplíase, con obradoiros e actividades náuticas que inclúen bautizos de mergullo e 24 concertos gratuítos en dous escenarios distintos. Pero a estrela é, sen dúbida, a cociña con produtos do mar, dos que xa deron boa conta os televisivos irmáns Torres, que fixeron de xurado no concurso de tapas e maridaxe de viños en que participan restaurantes con tapas a catro euros.