CRTVG

Buscar

As sete grandes cidades galegas entran no nivel alto de restricións

Publicado o 30/07/2021 16:43

• A Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol súmanse a Vigo, Ourense e Pontevedra

• Pasan a nivel máximo os concellos de Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso

As sete grandes cidades galegas entran no nivel alto de restricións

Os concellos da Coruña, Lugo, Santiago e Ferrol sitúanse desde esta medianoite no nivel alto de restricións a causa do incremento de contaxios e da incidencia da covid-19 nas últimas datas. Así, as sete maiores cidades do país terán limitacións de nivel alto, xa que Vigo, Ourense e Pontevedra xa as teñen nestes momentos.

Sitúanse xusto no chanzo inferior ao nivel máximo, en que hai doce concellos que son Muros, Baiona, Burela, Foz, Viveiro e Monterroso incorpóranse a ese nivel máximo, no que xa estaban Boiro, O Barco, Cambados, Meaño, O Grove e Sanxenxo.

En total, 48 concellos están desde este sábado no nivel alto de restricións. Ademais da incorporación da Coruña, Lugo, Santiago, Ferrol, tamén pasan a este nivel A Pobra do Caramiñal, Ames, As Pontes, Arteixo, Cambre, Cariño, Culleredo, Ortigueira, Chantada, Monforte, Verín, Bueu, A Guarda, Meis, Moaña, Mos, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, Ribadumia e Soutomaior

Esas son as novas incorporacións a este nivel alto no que xa estaban Avión, Carballo, Fisterra, Oleiros, Arzúa, Melide, Ribeira, Cervo, Ribadeo, Barbadás, O Carballiño, A Illa de Arousa, Marín, Poio, Vilagarcía, Vilanova de Arousa, Gondomar, Nigrán, O Rosal, Tomiño, Bueu e Redondela. 

Ademais, 52 concellos estarán en limitacións de nivel medio.

Desde a pasada semana, debido ao impacto distinto que ten a quinta onda na presión asistencial, Galicia utiliza un criterio axustado que vai máis alá da mera incidencia acumulada para determinar as restricións.

Deste xeito, segundo indicou o conselleiro de Sanidade, os municipios en niveis máximo, alto e medio son 112, mentres que se se aplicase a incidencia acumulada como "criterio bruto" excederían os 200.

O conselleiro tamén informou de que o Sergas vai habilitar un circuíto para que as persoas que obteñan positivo nos autotests que se adquiran nas farmacias poidan solicitar e obter "cita inmediata" para someterse a unha PCR que ratifique ese resultado.  

 

Noticias web

30/07/2021