CRTVG

Buscar

As 'Schindler' galegas: as irmás Touza salvaron centos de xudeus do Holocausto

Publicado o 10/12/2020 20:49

Ribadavia rendeulles hoxe homenaxe ás irmás Touza, as 'Schindler' galegas. No quiosco que rexentaban durante a Segunda Guerra Mundial, estas tres irmás ocultaron e axudaron a escapar centos de xudeus que fuxían do Holocausto. Hoxe lembraron a súa historia no inicio da Festa das Luces, unha das festas máis sinaladas do calendario xudeu. 

Historia da Segunda Guerra Mundial. Historia de Galicia. De Lola, Amparo e Xulia Touza.

Ribadavia. 1941. A estación era un fervedoiro de mercadorías e de pasaxeiros. As irmás Touza atendían o quiosco. Lola achegouse a un home que levaba horas nun banco. Dixo que era xudeu, dixo que escapaba do inferno. E aí comezou todo.

Acabou creando ela unha rede clandestina de fuga coa axuda dun diplomático portugués. Xudeus que fuxían dos nazis cruzaban por Francia e paraban en Ribadavia. Alí preguntaban pola "nai", nome en clave, e as Touza ocultábanos na casa ou nun zulo no quiosco, que estaba aí mesmo, como nos sinalaba un colaborador das irmás no ano 2008: "Díxome a Lola que había que calar. Eu nunca llo contei a ninguén".

O segredo durou máis de 60 anos. O escritor Antón Patiño prometera non contar nada ata que as irmás estivesen mortas. En 2005 o seu libro rompeu aquel impenetrable silencio de Segunda Guerra Mundial.

Naqueles tempos do volframio, mesmo pasaron pola estación axentes da Gestapo preguntando pola "nai". Pero nunca descubriron as Touza, que polas noites, a pé ou en coche, levaban os xudeus ata a fronteira con Portugal, dende onde escapaban a América.

Volvemos a 2008, cando se descubriu unha placa na casa das irmás e cando un neto nos falaba así: "A nosa avoa foi unha heroína capaz de recoller persoas totalmente descoñecidas que tiñan unha necesidade de cruzar a fronteira e salvar as súas vidas".

Estímase que salvaron as vidas duns cincocentos xudeus dende un dos lugares máis importantes do mundo para escapar dos nazis.

Noticias web

10/12/2020