CRTVG

Buscar

A hostalaría é a que mais sofre as restricións nos cinco concellos con nivel alto

Publicado o 30/05/2021 22:14

Non son cifras moi elevadas de casos pero si dabondo como para que o comité clínico acordase que estes concellos continuasen con medidas máis restritivas das que ten o resto de Galicia ou tivesen que adoptalas de novo. A estas alturas, a veciñanza está preocupada sobre todo polas repercusións económicas que supoñen as restricións para as próximas dúas semanas e polo exceso de confianza que amosa algunha xente despois de se vacinar.

"Eu creo que se relaxou un pouco, polo tema de que están vacinando. A xente relaxouse un pouco e despois pasa o que pasa, soben as incidencias".

"O que máis me preocupa son os negocios que teñen que porse xa a funcionar, se non é horrible".

Sen consumo no interior dos establecementos e coas terrazas á metade é difícil manter os negocios. Para algúns esta situación xa se fixo periódica, tal e como contan os hostaleiros:

"É a quinta vez xa e polo descoido da xente ou polo que sexa seguimos nas mesmas. Aquí os hostaleiros de Viveiro ven a campaña do verán e xa temos un pouco de medo a ver que vai pasar con nosoutros".

"Se tes o 50 % fóra e tes fóra catro mesas, non podes traballar".

"De feito a semana pasada tivemos que cerrar toda a semana porque quedamos só con catro mesas na terraza, e con tres mesas non podes manter un local como o noso aberto".

En Moraña algo máis dun cuarto da poboación participou hoxe ou farao mañá nun cribado para dar con asintomáticos. Hai 14 positivos, pero esta cifra nos concellos de poucos habitantes chega para ter un nivel de restricións alto.

"Hai gromos familiares pero os últimos casos que se detectaron son casos illados e iso si que xa nos preocupan un pouco máis". Di o alcalde de Moraña José Cela.

Os cinco concellos agardan que nestes días os casos diminúan.

Noticias web

30/05/2021