CRTVG

Buscar

As residencias de maiores xa reciben visitas, con restricións

Publicado o 25/05/2020 14:40

• Das 223 que hai en Galicia, só 21 teñen casos de coronavirus

• Política Social delega nos centros a organización dos reencontros

• A Xunta avaliará os custos adicionais de intervir varios centros privados

As residencias de maiores xa reciben visitas, con restricións

As residencias de maiores de Galicia retomaron este luns o réxime de visitas, unha das novidades que depara o paso á fase dúas da desescalada, aínda que con restricións e baixo o criterio das áreas sanitarias, e, en última instancia, das direccións destes centros.

Fontes da Consellería de Política Social trasladan que son os propios centros os que están a coordinar as visitas, con horarios e condicións, dentro das súas posibilidades. Iso, en caso de que cumpran co protocolo de reactivación elaborado polas autoridades sanitarias, como acumular 15 días sen positivos por COVID-19 e estar situadas en municipios cun baixo índice de  contaxios.

Segundo o protocolo establecido para o réxime de visitas só poderá acudir unha persoa de cada vez, pero non ten por que ser sempre a mesma. Os centros elaborarán unha listaxe de persoas de referencia para cada residente que deben estar exentas de síntomas de COVID-19 -realizaráselles unha enquisa- e organizará as quendas de visita sempre con cita previa, detallan as fontes de Política Social.

Por norma xeral, as visitas realizaranse en espazos abertos ou nunha sala interior habilitada para tal fin. Só estarán permitidas na habitación no caso de persoas encamadas. Na medida do posible, estableceranse circuítos de entrada e saída diferenciados do centro residencial.

En cada residencia analizarase a dispoñibilidade de espazos e a capacidade para establecer un número máximo de visitantes de forma simultánea.

En Galicia, hai 223 residencias de maiores e uns 20.000 usuarios. Nestes momentos só en 21 contabilízase polo menos un contaxio. A Xunta mantén intervidas as da Nosa Señora de Fátima (O Barco), que xa non contabiliza positivos, e as xestionadas por DomusVi en Barreiro (Vigo) e Cangas, con dous contaxios en cada caso. Seguirán tuteladas pola Administración galega "ata que o determine a situación sanitaria", recalcan desde Política Social, sen data fixada.

Avaliación de custos e consecuencias administrativas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que unha vez que se supere a alerta sanitaria avaliaranse os custos adicionais que supuxeron estas intervencións e ver como se liquidan. As fontes consultadas insisten en que estes custos non son responsabilidade da Xunta, senón que "eran obrigatorios por parte das residencias privadas de executalos e financialos".

Haberá consecuencias a nivel administrativo? Podería dar lugar á extinción de concertos? "Haberá que avaliar a situación de cada centro e analizala con prudencia antes de tomar ningunha decisión, que de todos os xeitos debería axustarse á normativa vixente", esgrimen desde Política Social.