CRTVG

Buscar

As residencias de maiores rexistran 31 mortos e 577 contaxiados

Publicado o 02/04/2020 12:42
As residencias de maiores rexistran 31 mortos e 577 contaxiados

A cifra de anciáns falecidos nas residencias de maiores de Galicia ascende a 32 persoas, dúas máis ca no reconto oficial anterior proporcionado pola Consellería de Política Social. 

A Xunta decidiu modificar o reconto de usuarios de residencias falecidos, de modo que a partir de hoxe contabiliza só os que perdan a vidan os centros, e non os que falezan nos hospitais aos que foran derivados como viña facendo ata agora.

O número de contaxios incrementouse en 56 máis e ascende a 577, o que supón máis do 13 por cento dos casos confirmados por Sanidade. Deles, 428 son usuarios das residencias e 149 traballadores.

O maior número de contaxiados segue concentrándose nas residencias DomusVi de Cangas e Barreiro en Vigo, con 104 e 72 afectados respectivamente entre os usuarios, e 17 e 11 entre os traballadores.

As seguintes residencias que máis casos rexistran son a de San Carlos, en Celanova, con 43 usuarios e 18 empregados, a do Portádego na Coruña, con 39 residentes e 18 traballadores, e a DomusVi de San Lázaro, con 31 residentes e 11 traballadores afectados.

No que respecta á situación nos centros para persoas discapacitadas, hai 72 persoas infectadas. Delas, 40 son usuarios, a maior parte nao CAPD de Redondela. Dos 42 traballadores que tamén deron positivo en coronavirus, 15 traballan nese mesmo centro de Redondela, e nove no de Sarria.