CRTVG

Buscar

As residencias de maiores estrean semana con menos restricións

Publicado o 21/06/2021 14:04

As persoas residentes en centros de maiores viven desde este sábado con algo máis de alegría pola supresión de restricións anticovid que atinxen á interrelación no propio centro, a visitas e tamén saídas. Na compostelá da Volta do Castro, un grupo compartía esta mañá os comentarios sobre asuntos da actualidade.

Lola é unha das residentes é dicía que, despois da vacina, este avance supón para ela tranquilidade: "É unha satisfacción grandísima. Séntese un feliz e liberado e tranquilo. Anda un con tranquilidade, había medo a se o collería ou non o collería. Estabas sempre preocupadísimo. E agora séntese un máis relaxado e moito mellor".

Manuel, outro residente, tamén amosaba a súa ledicia porque agora vai poder saír mái e di que "fómolo levando. A ver se seguimos así, porque non está a situación moi segura, pero vaia a ver se imos". Esperanza en ir retomando máis actividades encontrámola tamén na dirección do centro que xa prepara algún evento.

"Estamos bastante ilusionados. Estamos xa organizando unha festa para celebrar a sardiñada, porque xa hai ano e pico que non temos aquí ningún evento aberto a familiares", di Pilar Herrero, directora da residencia Volta do Castro. Este e outros centros de maiores retoman tamén a programación de saídas a centros socioculturais.

Noticias web

21/06/2021