As protestas en Cataluña contra a detención de Hasél deixan 18 detidos e 55 feridos, entre eles 25 mossos
As concentracións de protesta pola detención de Hasél derivaron en incidentes similares aos que se viviran en Cataluña hai ano e medio tras a sentenza do procés.
En Barcelona concentráronse unhas 1.700 persoas. A actitude violenta de moitos deles obrigou a intervir aos Mossos. Houbo tres detidos e 15 feridos, a máis grave unha moza que supostamente recibiu o impacto dunha bola de foam nunha das cargas policiais.
O concello cifra en 70.000 euros os estragos causados en colectores e mobiliario urbano. A iso hai que sumarlle o saqueo de sucursais bancarias e comercios. Esta mañá intentaban facer balance dos danos.
Ada Colau, alcaldesa de Barcelona: "Non está xustificado e prexudica os veciños, non é a solución. Pero o máis grave de onte é esa entrada en prisión, ten que haber unha solución política o máis rápido posible".
En Lleida houbo oito detidos, e outros catro en Vic, onde un grupo de manifestantes asaltou a comisaría dos Mossos. Un ataque sen precedentes que estragou parte das instalacións.
Os mossos recluídos na comisaría tiveron que activar o código 33, o de extrema gravidade. Once axentes quedaron feridos, e a cúpula do corpo reuniuse esta mañá co conselleiro do Interior para analizar a seguridade da comisaría e condenar os disturbios, que cualifican de violencia gratuíta.
Miquel Sàmper, conselleiro do Interior da Generalitat: "Os Mossos non pretendían limitar o dereito de manfiestación, e xorde unha violencia innecesaria, pido que non se volva repetir".
Porque para hoxe están convocadas novas manifestacións, e os Mossos preparan novos dispostivos para evitar máis actos violentos.