As previsións apuntan a unha caída brusca das temperaturas para este xoves
Non confíen e non aparquen o paraugas, porque en apenas 4 días o tempo vai dar un novo xiro de 180 graos. A vaga de calor africana déixanos e chegan varias borrascas desfeitas que nos traerán chuvia e, sobre todo, unha baixada brusca de temperaturas. Caerán mesmo máis de 15 graos nalgúns puntos e o venres á noite mesmo hai previsión de nevaradas por riba dos 1.200 metros nas zonas altas de Ourense e Lugo.
Estas escenas estivais teñen data de caducidade. A vaga de calor africana que nos está deixando rexistros propios do verán e enche desde a fin de semana as praias galegas, despídese o xoves. O tempo volve dar un xiro de 180 graos: caen as temperaturas, volve a chuvia e mesmo pode nevar.
Ana Lage, Meteogalicia: "Imos quedar nunha zona expostos a distintas fronte que veñen polo Atlántico, en xeral frontes desfeitas que deixarán pouca chuvia. O contraste máis grande vaise dar nas temperaturas. Podemos ter baixadas de 15 graos ou máis, dependendo das localidades. Estas temperaturas baixas darán lugar a que na noite do vernes ao sábado a cota de neve baixe ata os 1.200 metros, así que nas zonas de montaña máis altas mesmo poderán haber chuvascos en forma de neve".
Estes cambios bruscos desconcertan a poboación. Importunan os plans para a ponte festiva das Letras Galegas, provocan desaxustes na saúde e supoñen unha molestia sobre todo á hora de elixir vestiario: hai que volver a aparcar a sandalia e o bañador e recuperar as botas e o paraugas. Pero tamén hai quen non se deixa perturbar polo tempo.
"A min non me importa a chuvia ou a calor. Eu sexa como sexa vou facer o meu plan igual, que hai que vivir a vida, que son dous días".
"Nós somos do Brasil, entón para nós estes cambios son máis fortes. Estamos moi acostumadas a calor calor, e aquí é calor e frío na mesma semana, entón estamos un pouco perdidas".
"Imaxino que será o cambio climático, non? É un pouco raro que esteamos hoxe e onte a 28-30 graos e chega a fin de semana e outra vez chuvia e temperaturas a 10 graos".
"Si afecta, si... as catarreiras que se collían no inverno, agora cóllense na primavera e no verán".
Así que vaian afacéndose á idea: as nubes volverán toldar este ceo azul na segunda metade da xornada do xoves, que é cando caduca este aperitivo do verán.