As praias da Mariña teñen a auga máis quente de Galicia
As praias da Mariña lucense son as que teñen a auga máis quente de Galicia. Na Rapadoira, en Foz, ou nas Catedrais, en Ribadeo, roza os 20 graos e mesmo pode chegar aos 21, fronte aos 14 ou 15 das Rías Baixas.
Vai menos calor e menos sol, pero as praias cantábricas, as da Mariña lucense, teñen a auga máis quente de Galicia.
Entre os areais de Foz ou Ribadeo e os da Costa da Morte, Noia ou Pontevedra pode chegar a haber ata seis graos de diferenza.
"A diferenza de temperatura é enorme, nunha praia exposta a mar aberto nas Rías Baixas podemos ter 14 ou 15 graos e nunha do Cantábrico pode chegar a 20 graos", di Juan Taboada, meteorólogo de Meteogalicia.
"Cheguei a contar 170 persoas no mar, así que a auga de aquí soe gustar bastante", conta unha socorrista da Rapadoira.
O vento do nordés, predominante no verán, e especialmente este mes de xullo, é a causa principal.
"Ese vento o que fai é que a auga de superficie da zona das Rías Baixas empúxana contra a plataforma e vén a auga máis profunda, que esta máis fría. Ocorre o contrario na costa Cantábrica, onde o vento empurra a auga contra a costa e a medida que avanza o verán vaise quentando", explica Taboada.
Non en todas as praias do sur a auga está fría. Nas rías atlánticas tamén se poden atopar areais aptos para baños máis temperados.
"Sempre hai algunha praia dentro da ría, moi protexida, onde podemos atopar auga máis quente", concede o meteorólogo.
Aínda que as nubes non son a causa principal, no litoral galego en xeral coincide que nos días grises a auga está máis quente ca nos soleados e calorosos.