CRTVG

Buscar

As perspectivas económicas son moi preocupantes tras a contracción histórica do PIB

Publicado o 03/05/2020 13:51

A fiestra da economía segue amosando un panorama preocupante. Esta semana traía a nova dunha contración histórica do produto interior bruto en España e noutros países europeos.

Recesión, paro, incremento do gasto público, menos recadación pola vía dos impostos e posible deflación configuran un cóctel explosivo. En medio de todo iso, a liquidez procedente das institucións europeas perfílase como o paraugas salvador para evitar que a crise bote raíces máis profundas.

A economía española, e xenericamente a da Unión Europea, vivían xa nun contexto de desaceleración, marcado por varios factores como o Brexit e os efectos derivados da guerra aranceleria entre as superpotencias mundiais. A aparición do coronavirus aumentou exponencialmente os problemas e esta semana certificouse con varios indicadores.

"O aumento de parados, sen contar os incluídos nos ERTE, e a caída histórica do PIB superan con moito as peores previsións que nós fixeramos. Non obstante, son optimista, non é unha avaría irreparable", indica Jorge Cebreiros, vicepesidente da Confederación de Empresarios de Galicia.

O paraugas europeo neste contexto é máis necesario ca nunca. O Banco Central Europeo anunciou novas inxeccións de liquidez. Está disposto a comprar débeda pública e privada por valor de 750.000 millóns de euros, que xunto ao resto de programas, achegaríanse a 1,2 billóns de euros.

Esta crise tamén implica unha viaxe no tempo cara ao pasado, xa que o sector primario, de peso en Galicia, volve cobrar forza e configúrase como un dos triunfadores do momento en contraste co sector turístico e hostaleiro, o máis castigado.

En medio das especulación sobre o impacto no PIB de España para este ano, todo indica que a recuperación plena queda adiada ata o 2022.

Noticias web

03/05/2020