CRTVG

Buscar

As persoas en ERTE, as máis afectadas de cara á nova campaña da renda

Publicado o 24/03/2021 21:26

Ata o día 7 do próximo mes non comeza oficialmente a campaña para presentar a declaración da renda, pero dende hoxe a Axencia Tributaria xa permite acceder a súa APP ou a web e descargar o borrador e consultar os datos fiscais dos contribuíntes correspondentes ao exercicio de 2020.

Sen moitas novidades con respecto doutros anos, o máis salientable ten que ver sen dúbida cos ERTE motivados pola pandemia. Facenda identificou xa máis de 300.000 persoas que o ano pasado estaban exentos e que agora teñen a obriga de facer a declaración por ter dous pagadores e ingresar máis de 14.000 euros brutos .

Practicamente todos os contribuíntes que se acolleron a un ERTE durante o ano pasado van ter que presentar a declaración da Renda neste 2021. Segundo a normativa, se non se superan os 22.000 euros brutos anuais de rendementos do traballo non é obrigatorio cando se ten un só pagador. Neste caso todos estes contribuíntes van ter dous pagadores e aquí o límite baixa aos 14.000 euros.

Facenda calcula que máis de 300.000 persoas que non fixeron a declaración o ano pasado deberán de presentala neste exercicio só por este motivo. Tamén os perceptores do Ingreso Mínimo Vital que entrou en vigor no 2020 teñen a obriga de facer a declaración.

Dende hoxe pode consultarse o borrador co número de referencia que che facilitan na web ou na App da Axencia Tributaria. A prazo de presentacións telemático comezará o 7 de abril, telefónico o 4 de maio e presencial o vindeiro 2 de xuño.

Noticias web

24/03/2021