CRTVG

Buscar

As orquestras galegas volven aos ensaios para preparar as verbenas do verán

Publicado o 03/06/2021 15:53

Con moitas ganas, ilusión, incluso nervios.... As orquestras galegas como a París de Noia preparan o seu regreso aos escenarios.

Diego Moreira, cantante e guitarrista, fala da "esperanza de volver saír aos escenarios, que xa hai contratacións é super emocionante. Sempre o digo que o día que estrenemos vainos caer a bágoa, porque é moito tempo esperando isto".

Melissa López, bailarina, di que están "moi emocionados, con moitas ganas de saír actuar, ver o público que xa fai falta un pouco de festa e alegría agora que chega o verán".

Cantantes, músicos ou bailaríns, todos están preparados. A París de Noia volverá actuar o vindeiro 24 de xuño, non será aquí en Galicia, será en Valladolid, nun estadio de fútbol e co público sentado.

"É un espectáculo máis tirando cara a un concerto con música que non estamos acostumados a facer, máis musical, percorremos a música de todos os tempos e é un espectáculo moi visual", di Diego.

Agardan pronto ter datas para mostrar o seu espectáculo 'A xira do Camiño' ao público galego. 

"Todos os meus compañeiros e toda a xente das orquestras estamos esperando que dunha vez por todas podamos arrancar", conta Blas, o xerente desta orquestra.

E como serán as novas verbenas en Galicia? "Mil persoas nun recinto de tres mil metros delimitado, pode haber cantina fóra do recinto, a xente pode estar de pé en grupos de ata seis persoas, poden bailar entre conviventes... é un pouco volver a verbena de sempre pero con esas medidas restrictivas que son necesarias de momento", explica.

Xunto á París, outras orquestras tamén comezan nestes días a preparar as novas verbenas co obxectivo de que moi pronto volvamos gozar no campo da festa.

 

Noticias web

03/06/2021