As organizacións agrarias galegas ven na negociación do prezo do leite a proba de lume da reforma da Lei da cadea alimentaria
Os sindicatos galegos do campo avalían a prohibición da venda a perdas aprobada polo Goberno. Ven na negociación do prezo do leite a proba de lume para o decreto.
A prohibición da venda a perdas chega en plena negociación en Galicia do prezo do leite para o próximo ano. Será a primeira vez en que se aplique o decreto do Goberno que fixa o custo de produción como base da negociación.
Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia di que "queda por ver como se traslada realmente iso aos contratos que se están renovando ou asinando nestes días".
Unións Agrarias é optimista. Cre que se traducirá en máis cartos para os gandeiros. Piden parar a negociación ata o día dez para definir o índice que marcará ese custo de produción.
Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias, explica que "dentro dos custos de produción ten que entrar tamén a man de obra e o investimento da explotación. Non é só o que me custa alimentar o gando e muxir.
Máis escépticos, agardan resultados no Sindicato Labrego. A secretaria xeral, Isabel Vilalba, apunta que "recibimos con escepticismo este anuncio porque xa o recibimos en diferentes ocasións. Imos ver que letra pequena hai e como se desenvolve".