CRTVG

Buscar

As ondas de ata oito metros deixaron impactantes imaxes na Coruña

Publicado o 12/02/2020 21:22

Amaina o temporal na Coruña e toca recuperarse dos danos. As ondas, que alcanzaron os oito metros de altura, inundaron a zona do dique de abrigo onde estaban aparcados varios coches. O mar arrastrou tanta area no paseo marítimo que tiveron que cortar dous carrís para limpar a calzada.

Con estas imaxes do mar comendo literalmente o dique de abrigo da cidade da Coruña aínda na memoria, traballouse durante toda a xornada de hoxe para volver á normalidade.

Unha normalidade que segue vendo a bravura do mar nestoutras imaxes. E a última preamar desta tarde. Amainou un pouco o temporal e desactivouse o aviso laranxa.

A cidade tivo hoxe que recuperarse da area, da moita area desprazada no paseo marítimo, especialmente no treito de Riazor, que invadiu a estrada e obrigou a cortar o tráfico para limpala.

Os donos dos coches desprazados polo mar tamén tiveron que recuperarse do susto e dos estragos.

Moito traballo desde primeiras horas para devolver á cidade unha pouca de calma. O temporal recuncará mañá, repítese o aviso laranxa, pero será pasaxeiro. O peor chega a fin de semana, cando o litoral galego sufra os danos colaterais dun durísimo temporal asentado nas Illas Británicas.


 

Noticias web

12/02/2020