CRTVG

Buscar

As obras en Fontes do Sar limitan o espazo de auga en Santiago ao pavillón Santa Isabel

Publicado o 14/10/2021 15:20

As piscinas Fontes do Sar están pechadas. Durante o inverno, estas instalacións cubríanse cun globo presostático para que o público puidese facer uso delas. Pero iso cambia este ano. Está previsto que comecen en breve as obras para instalar unha nova cuberta de policarbonato.

Antón Antelo Lema, xerente do Multiúsos Fontes do Sar e do Complexo Deportivo Santa Isabel: "O inicio da obra é inminente, ten unha duración estimada de catro meses polo cal esperamos que nalgún punto do primeiro trismestre poidamos recuperar a actividade desta piscina, cun servizo máis funcional, máis confort e mellores prestacións".

Durante eses catro meses, os usuarios e usuarias do Sar poderán facer uso da outra piscina municipal de Santiago, a de Santa Isabel, que conta xa cos seus propios abonados. Xa empezan a notar que o espazo se lles queda pequeno.

Entre os que padecen esta redución do espazo acuático están os clubs deportivos que adestran na agua. A boa noticia é que cada vez máis nenos e nenas se animan a practicar estas modalidades de deporte. A mala noticia é que non teñen onde.

José Ángel Ríoseco Díaz, presidente do club de natación Cidade de Santiago: "Somos catro clubs os que nos dedicamos a actividade acuática, nós dedicámonos á natación, despois hai outros dous clubs de triatlón e hai un club de waterpolo. Non teño ningunha dúbida, estámolo pasando moi mal. Por sorte nos últimos anos os catro clubs medramos en canto a licenzas. Isto nos obrigaría case a ampliar máis o espazo, para intentar ser eficientes, para ningún luxo, simplemente para que os nenos poidan nadar e adestrar nunhas condicións mínimas".

120 nadadores no club de natación Cidade de Santiago. Outros 120 no club Waterpolo de Santiago. Cada vez máis rapaces e rapazas adestrando na auga.

Xavi Pérez Carpio, adestrador do Club Waterpolo de Santiago: "Ter esta piscina do Sar pechada ao final implica practicamente a metade do espazo para todos os clubes de natación. É certo que levamos moito tempo demandando unha piscina, cando eu cheguei aquí había incluso un proxecto de catro rúas en Santa Isabel pero a cousa quedou aí".

Unha reivindicación compartida por todos os clubs deportivos que adestran na auga, que Compostela conte con máis piscinas de uso público.

Noticias web

14/10/2021