As obras do edificio pontevedrés afectado polo incendio dun asador seguen sen comezar
Os veciños deste edificio do barrio de Campolongo, en Pontevedra, contan os días para que empecen as obras de reparación. Hai dous meses que un incendio no restaurante do baixo estragou seis vivendas. Algunha quedou en tan mal estado que aínda hoxe está inhabitable.
Marta Mateos, veciña: "Hai veciños que non están vivindo na casa aínda. Creo que son a única que puxo as ventás. Os demais están esperando a que empecen as obras para poder poñer ventás aínda que estean vivindo".
A pesar de que Marta repuxo as ventás, un dos cuartos da súa casa está inutilizable mentres non se repare a fachada. Nas outras vivendas afectadas polo incendio, os plásticos substitúen os cristais. Non ven o momento en que empecen as obras.
Marta Mateos, veciña: "Comunicáronos que concederon a licenza das obras e, supostamente, empezarán o mércores. Montar estadas, limpeza de fachadas... A ver se o tempo acompaña e o podemos facer rápido".
Se finalmente as obras empezan a semana que vén, e non empeora moito o tempo, calculan que os labores de reparación do edificio durarán dous meses e medio.