CRTVG

Buscar

As novas restricións en Bergantiños afectan todos os concellos, agás A Laracha

Publicado o 13/11/2020 15:45

As medidas entran en vigor as doce desta noite e van durar polo menos catro semanas. Non se poderán reunir persoas que non vivan na mesma casa, a hostalaría só poderán manter o servizo a domicilio ou para levar e a ocupación dos negocios redúcese á metade.

Os veciños poderán moverse entre os seis concellos de Bergantiños sometidos ao peche perimetral da comarca, pero ninguén poderá entrar nin saír da zona sen causa xustificada. Trátase, insisten desde o comité clínico, en impedir a expansión do virus de zonas con alta incidencia a outras que a teñen baixa.

Por iso queda fóra do peche perimetral o concello bergantiñán da Laracha, que ten unha mellor situación epidemiolóxica co resto.

Dentro dunhas horas, as imaxes de xente nas terrazas de hostalería estarán prohibidas polo endurecemento das medidas debido a evolución do número de casos na comarca, onde a incidencia acumulada é de 239 casos a sete días e de 371 a 14.

A partir da próxima medianoite todos os municipios da comarca se suman á lista de concellos coas restrccións máis severas, excepto A Laracha, onde o número de casos estabilizouse cunha tendencia ao descenso.

O dato máis significativo é o de Carballo, onde na última semana os casos duplicáronse e xa superan os 120 positivos.

As medidas tómanse uns días despois dunha festa nun bar do municipio, onde se incumprían todas as normas.

En Malpica, con máis de sesenta casos activos, o Sergas realizará un cribado masivo con 350 análises PCR esta fin de semana. As novas restriccións anunciadas este venres polo Goberno autonómico afecta máis de 60.000 galegos que viven nesta comarca.

Noticias web

13/11/2020