As néboas nas Rías Baixas deixan temperaturas baixas para un mes de xullo
As Rías Baixas este verán semellan máis A Mariña lucense. As brétemas que entraron o domingo permanecerán ata o xoves, deixando imaxes curiosas coma esta praia de Samil, baleira en pleno mes de xullo. Son néboas de advección, que se producen cando unha masa de aire cálida e húmida se coloca sobre unha superficie fría.
Explícao Ana Lage, de Meteogalicia: neste caso a superficie fría é a do mar. Entón estas néboas están no mar e o que acontece é que, ante a ausencia practicamente de vento, e o pouco que hai é de noroeste, métense cara ao litoral de Galicia. O tempo está condicionando as reservas turísticas e os plans dos viaxeiros.
Javier Pérez, do Cámping Praia de Samil, salienta: "Normalmente a xente adoita quedar unha semana e, se hai bo tempo, estiran máis as vacacións".
"Ímonos adaptando ao tempo, se vai bo imos á praia, se vai mal tempo, imos de visita turística, non temos problema con iso", din uns turistas.
Tamén son moitos os que agradecen as néboas, sobre todo os viaxeiros que foxen da calor de lugares coma Ourense, coma esta parella que vén da cidade termal. "Si, pero vimos aquí e pasamos frío, pero estase ben. Isto para pasear é o mellor que se pode facer". "Síntoo polos hostaleiros, pero para min é unha marabilla de tempo, estar de vacacións... con tal de non ir traballar....", comenta un veciño de Vigo.
As brétemas marcharán o xoves, que é cando entre unha fronte pouco activa que deixará nubes e precipitacións de carácter feble no oeste de Galicia.