CRTVG

Buscar

As navieiras poñen á venda os billetes para ir a Cíes e Ons en Semana Santa

Publicado o 16/03/2021 15:17

A Consellería de Medio Ambiente reabre a posibilidade de visitar o Parque Natural das Illas Atlánticas e as navieiras autorizadas preparan xa as travesías poñendo á venda os billetes para ir ás Cíes e a Ons do 27 de marzo ao 4 de abril.

Patricia Fernández, responsable de atención ao cliente dunha navieira: "Tiñamos unha listaxe de toda a xente que estivo chamando para ver se podía en Semana Santa e o que fixemos foi collerlle os datos para cando se puxeran a venda os billetes, como é o caso de hoxe, informalos de que xa poden sacar a autorización na páxina da Xunta de Galicia e despois mercar os billetes na nosa páxina".

Amais de contar cos permisos e os billetes, os viaxeiros terán que cumprimentar tamén os protocolos sanitarios. Nas navieiras prevén que van ser os mesmos que tiveron que aplicar xa durante o verán pasado.

"A máscara ten que manterse en todo momento e tanto no embarque coma no desembarque tentar manter a distancia de seguridade", di Patricia.

A ocupación máxima permitida cada día agardan tamén que sexa a mesma do verán e que se encha cos viaxeiros galegos, xa que doutras comunidades non van poder vir para Semana Santa. 

Noticias web

16/03/2021